A posta en valor da zona de Monteporreiro e o Mosteiro de San Bieito (Pontevedra) centra este ano o traballo do Máster de arquitectura da Paisaxe Juana de Vega

O venres 25 de novembro os alumnos e alumnas do curso 2016- 2017 do #MasterJdV, visitaron Pontevedra, co fin de estudar o ámbito de actuación que centra este ano o seu Traballo de Fin de Máster.

O ámbito obxecto de estudo é a contorna da zona de Monteporreiro e a súa conexión co Mosteiro de San Bieito, cruzando o río Lérez. Este é un punto moi sensible do territorio e da paisaxe de fondo da ría de Pontevedra. Un lugar onde se sucedeu a instalación de infraestruturas como o tren ou a ponte de conexión entre Monteporreiro e Lérez. Tamén é unha das zonas de Pontevedra cargada de elementos históricos e paisaxísticos, así como de posibles novos percorridos para a súa posta en valor como conexión coa cidade.

O obxectivo do alumnado é realizar unha profunda análise deste eixo estratéxico no territorio pontevedrés, e buscar o papel que debe xogar desde a óptica da arquitectura da paisaxe. Sempre tendo en conta unha visión multidisciplinar e estratéxica que axude a confrontar os plans da cidade para ese lugar cunha visión académica e proxectual da paisaxe. Este traballo estase a realizar nas dúas semanas de docencia presencial intensiva do taller 1, no que os alumnos traballan en grupos para desenvolver o masterplan da zona.

O programa do percorrido do alumnado incluiu unha recepción no Concello de Pontevedra, por parte da Concelleira de Urbanismo, Carmen da Silva. Ademais de visitar a zona de Minteporreiro-Mosteiro de San Bieito, realizaron un percorrido polo casco histórico de Pontevedra. Na recepción no concello a concelleira explicoulles o contexto urbanístico actual e os proxectos que se están a abordar en Pontevedra, mentres que os estudantes avanzaron os puntos centrais dos seus estudos, que serán presentados ao concello unha vez completados.

 


< Anterior   Seguinte >

Fundación Juana de Vega | Rúa Salvador Allende nº 92 |  C.P.:15176 San Pedro de Nos - Oleiros | A Coruña - España