A formación de arquitectura da paisaxe está amplamente estendida por Europa e outros continentes e constitúe en moitos países unha titulación universitaria de grado dende hai xa moitos anos.
Actualmente en Europa existe un movemento asociativo de Escolas de Arquitectura da Paisaxe que se denomina ECLAS (European Council of Landscape Architecture Schools) que ten por obxecto promover e desenvolver os estudos de arquitectura da paisaxe fomentando o contacto e o enriquecemento dos mesmos a través do diálogo entre os membros da comunidade académica e representando ás Escolas/estudos a nivel institucional no ámbito da Unión Europea.
En consonancia con este Consello Europeo estase a desenvolver a rede temática “Le-Notre” que engloba a máis de 100 universidades de todo o mundo para a homoxeneización dos estudos de arquitectura da paisaxe a nivel global.
Neste contexto, nace no ano 2006 o master de Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega froito dun convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de Vega co obxectivo de dar formación especializada no ámbito do paisaxismo,
cubrindo o burato formativo existente no sistema universitario español e galego en relación á disciplina da arquitectura da paisaxe e o complexo mundo de coñecementos que se relacionan coa mesma.
O Máster Universitario en Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega é un título interuniversitario entre á Universidade da Coruña (UDC), que é a responsable administrativa, e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). A docencia do máster impártese na sede da Fundación Juana de Vega en San Pedro de Nós (Oleiros, A Coruña).
Fundación Juana de Vega | Rúa Salvador Allende nº 92 | C.P.:15176 San Pedro de Nos - Oleiros | A Coruña - España